25/09/13



  " Monte Baixo "


En días de hospital,
noites
tronzadas,
ríos,
sabugueiros sen folla
festas do leite,
bichos tan azuis,
como se fai
un bosque?
As miñas mans son
rápidas.
Non dan.
Ódiovos,
montes suaves.
A lúa sempre
mingua.
O contrario do amor
é o desprezo.
O odio,
con outras
mans.
Pero os dous
edifican
monte baixo
e quedan
formalmente
expulsados
de aquí.
E para que
así conste, asino
este contrato
nos teus labios
pero despois
rompémolo:
este é un amor
sen casa,
non se pode
gardar.
O vento sopra
louco, di algo
que non vemos
fai voar os papeis,
fainos saber
dun golpe
que nós
non precisamos
testemuños.


  Cebreiro, María do. Non son de aquí. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2008, pp 55 - 56.
.