24/09/13
" Poema 2 do Ciclo Amarante "
En cada contracción
hai un fondo
de espera
e un fondo de catástrofe.
Cada pequena
cousa pasional
vai retornando
á lama:
non hai formas:
hai vida,
un atentado
contra a noción
vixente
de familia.
Tamén os cereais
son reemprazados.
A rapaza do millo
sucederá á rapaza
do metal,
o bosco,
á Selva Negra.
Ao vento, que non para,
han querer
darlle un nome
de lugar:
por bonito que sexa,
unha traizón.
E no bico dos pés
o amor por esa moza
que chegou
a xuntar os teus vinte
cos meus trinta,
e nos dez que corrían
polo medio
o espazo suficiente
para poder dicir
foi bonito e durou
o xusto, até escoitar
que sempre
haberá alguén
para nos aprender
o sentido do tempo.
Todas as relacións
son a distancia,
pero eu non son
de aquí,
non teño
descendencia,
non quero máis orixe
que esta ponte
até que nos sosteña
e cando caia
teñamos a nobreza
de marchar
sobre os restos,
saibamos despedirnos,
que sexa tan fermoso
como nunca.
Cebreiro, María do. Non son de aquí. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2008, pp 15 - 17.
.